20/6/11

Despedida 6º

Quintela, xuño 2011

 
Ola!:

Como este ano marchamos para o instituto, queríamos despedirnos de vós con esta carta. Estamos un pouco tristes por deixar este colexio; algúns de nós levamos aquí desde Infantil e cóstanos un pouco máis irnos.O 22 de xuño xa nos vamos; pero volveremos de visita ao final de cada trimestre para ver aos antigos profesores e compañeiros.
Pasámolo moi ben neste colexio,sobre todo nas excursións (especialmente a de Manzaneda), festas… Pero tamén houbo momentos malos: os castigos,as broncas, os suspensos… O bonito foi que fixemos moitas amizades, que a partir de agora esperamos que duren toda a vida.

Desexamos facer novos amigos e amigas no instituto. Tamén teremos novos profesores, que esperamos que nos caian tan ben como os de Quintela.

Algúns de nós choraremos un pouco cando nos vaiamos o último día; en cambio, outros estarán bastante felices. Animarémonos un pouco coa festa de fin de curso.

No instituto teremos que estudar máis e estar máis atentos aos profesores; sin embargo, non seremos os maiores coma agora no colexio.



Botarémosvos de menos.

Un bico e un abrazo moi forte de parte de Patri, Fabián, Sabela, Ilian e do resto de 6º.



CODA:



Estamos todos tristes

por ter que marchar.

Este último ano

foi moi especial,

todos pasaremos

a un curso máis

pois este curso

estudamos máis.

E para o curso que vén,

usaremos moito o Pen.



4/6/11

Manzaneda 2011-6º

Diario da viaxe


Mércores, 1 de xuño


Saímos cargados de maletas e de nervios compartindo autobús cos colexios de Abelendo, A Guía e Tirán. Non paramos de falar e de rir durante todo o traxecto. A profe reclamaba a nosa atención, de cando en vez, para que nos fixáramos na paisaxe( as canteiras de Porriño, o río Avia, as marxes do Miño, etc. ); pero, a verdade é que iamos moi entretidos gozando entre nós e non prestamos moita atención. Haberá que volver a repetir para aprender xeografía!


 A media mañá, paramos en Ribadavia para merendar e dar un paseo pola vila medieval. Andivemos polas rúas estreitas e vimos casas moi antigas; pero, deunos moita gracia ver sinais de tráfico con adhesivos de cucarachas enriba.
 
Arredor das 3 da tarde chegamos á Estación de Cabeza de Manzaneda. Máis risas e nervios ata chegar aos apartamentos de 5 que nos tiñan asignados.  De seguido, comenzamos as actividades da tarde: beisbol e orientación. Fixemos grupo coas compañeiras e compañeiros de Tirán, que xa coñeciamos, e participamos con eles en todas  as actividades. Despois de cear marchamos a toda présa aos cuartos a acicalarnos para a sesión de discoteca. Con tanto traballo  xa non podemos máis e temos que ir durmir!

Ata mañá!

Xoves, 2   de xuño
 

Despois dunha noite de ruídos e pouco durmir empezamos o día  con  actividades dende a mañá ata a noite. Primeiro, para desentumecer as pernas, fixemos unha camiñata  de 10 a 12 polos arredores da estación en plena Serra da Queixa.











A continuación, fixemos actividades deportivas variadas: tenis, fútbol, …      



 Despois  do  xantar, fomos  montar a cabalo e en karts. A verdade é que o medo puido máis ante os cabalos que ante os karts, que foi todo un éxito.  










 




  


 Aínda nos quedaban a escalada e a aula da natureza antes do descanso e da cea. Houbo uns cantos valentes que escalaron toda a parede ou parte dela.


O día rematou coa velada no polideportivo.
Ata mañá


Venres, 3 de xuño

Chegou o día da despedida e de recollida de efectos persoais polos cuartos. Tivemos que deixar as habitacións recollidas e as maletas  no cuarto da profe ata a hora de saír. Despois ,  veu unha mañá cargada de actividades. Para espabilar estivemos xogando a xogos populares( chave, bolos, pano,… ). 

 
A continuación, fomos ao tiro con arco. 
 O remate foi na piscina. Saímos ben relaxados.


Despois de xantar, baixamos as maletas e , ao autobús.


Ata outra, Manzaneda.


P.D.: Paramos en Castro Caldelas para visitar o seu castelo e mercar o biscoito típico da zona: a bica. Debeu ser a auga da piscina e o cansazo acumulado que fixo que viñeramos bastante tranquilos no autobús

27/5/11

6º dramatiza

No Festival das Letras Galegas representamos a obra de teatro " O príncipe e o esmoleiro "( adaptación do conto de Mark Twain do mesmo título ). A obra está dividida en dous actos e o argumento é este:
A nosa historia puido ter sucedido a mediados do segundo milenio nunha cidade como Londres. Un día de outono, naceu no seo dunha familia miserable, chamada Canty, un neno que foi bautizado co nome de Tom e que non era desexado nin querido polos seus pais. O mesmo día, a raíña de Inglaterra tivo un fillo, o primeiro. Este si que era, máis que esperado, desexado por toda a familia e por todo o pobo. Por un estraño capricho da natureza, aqueles dous nenos acabados de nacer semellábanse moito. Sendo nenos, un día, atopáronse un fronte a outro e decidiron intercambiarse as súas roupas e familias... Que sucederá a partir daquí?


Reparto



Actriz
Personaxe
Actor
Personaxe
 Patricia
Tom
 Samuel
Narrador
 Alba
Narradora
 Anxo R.
Príncipe
 Noa
Bet
 David
John
 Irene
Nan
 Diego
Avó
 Martina
Raíña
 Ilian
Lord Protector
 Gara
Dama
 Carlos
Sir Norfolk
 Sheila
Lady St. John
 Esteban
Capitán
 Miryam
Lady Hertford
 Anxo B.
Garda 1
 Noelia
Paxe 1
 Juan
Garda 2
 Sabela
Paxe 2
Fabián
Garda 3


Pablo
Garda 4

A continuación mostramos 2 fotos de todos nós caracterizados:






Anécdotas das representacións 

Cada vez que miraba para o público o corazón se me poñía a cen porque estaba mirando a meu pai que viñera de sorpresa. E vaia sorpresa que me deu!
Ilian

Cando ía saír á escena para narrar choquei contra unha árbore de madeira que tiña diante; pero, non caín.
Samuel

En plena actuación soou un móbil no camerino. A todos nos deu a risa; pero, silenciosa.
Noa

Con tanta calor que houbo o día da representación para as familias saqueime o gorro de soldado mentres esperaba no camerino e logo, saín a escena con el sen colocar. 
Fabián e Pablo

A porta de acceso ao camerino non abre por dentro e non puiden saír a coller a coroa de rei e tiven que usar a da raíña.
Patri

A punta dunha das lanzas rompeu xusto antes de actuar por 2ª vez e houbo que pegala con celo a toda presa.
Pablo

Houbo unha palabra que se me atascou( compracido ) e cambieille o acento. Menos mal que as risas dos do camerino non se escoitaron. 
David

Equivoqueime e case ninguén se decatou.
Martina 

 A perruca de príncipe puxémola coa parte de atrás para adiante e resultaba un pouco estraña.

Anxo R.

Non escoitamos ben e saímos a escena máis tarde do debido.
Sheila e Ilian

Unha das veces que saín a facer de narradora engancheime nunha lanza e quiteina a correr.
Alba

Enredeime no telón de fondo e non atopaba a abertura para saír a presentar.
Noa

Empecei a presentar o festival e, de súpeto, o micrófono quedou sen pilas e tiven que seguir ata acabar a primeira presentación.
Carlos

Os nervios fixeron que correse tanto que me adiantei aos compañeiros.
Miryam e David

Tiven que aguantar a risa durante a miña representación porque o personaxe de príncipe facíame rir.
Anxo B.

A 1º representación, para o colexio, saíu mellor que a 2º porque nesta apareceron os nervios por ter a familia  de público. Polo demais, foi todo un proceso de aprendizaxe teatral que requeriu moito esforzo, traballo e organización. Os meus parabéns a todos e todas.
A titora

26/5/11

Viaxe a Manzaneda

As datas cambian un pouco, pero polo demais, a presentación está de actualidade. Fixádevos que hai enlaces en algunhas palabras, para saber algo máis.

19/5/11

Preciosas leitugas

Este mércores pasado, 18 de maio, recollemos as leitugas na horta escolar. O rego case diario (repartido, semanalmente, entre 5º e 6º) e a limpieza das malas herbas deu o seu froito: unhas brillantes e apetitosas leitugas .

Comprobalo vós mesmos coas fotos:






Anxo Rúa Refojos  e  Fabián Pombal Martínez 6º

3º ciclo coñece ao artista plástico moañés Xavier Ríos

O pasado xoves, 12 de maio, tivemos a honra de achegarnos ao taller de Xavier Ríos, un pintor e escultor que vive moi preto do noso colexio, a só uns 5 minutos de distancia e nós sen sabelo. Coñecemos parte da súa obra escultórica exposta (para nós) na súa finca e co mar da ría de fondo. Os barcos construídos a partir de triángulos eran a base da maioría das pezas; pero, había algo máis. Tanto podían formar parte dunha nora  como dun columpio; por non falar dos distintos materiais empregados: granito, ferro, aceiro... Dentro do taller a cousa foi distinta: un mesmo motivo de diversas formas(con papel, con metal, con goma...).
Cos cadros pasou o mesmo: formas xeométricas e composicións con elas.
A partir daquí soubemos da súa maneira de traballar organizándose en en series:a memoria,borrón,
refuxios,... Contounos que el sempre ten moi presente a referencia constante á infancia (a escola,os xogos).
Tan preto de nós e ao mesmo tempo, expoñendo en distintos lugares, dende Moaña ás demais cidades de Galicia,Madrid e Portugal.
Só nos queda darlle as grazas e escribir aquí algunhas palabras.
As fotos ilustran a nosa visita.


 









Noa e Irene 6º



17/5/11

Educación documental e Letras galegs

Para os nenos e nenas do 2º e 3ºciclo, tedes AQUI unha ficha para cubrir sobre Lois Pereiro.
Xa sabedes que para cubrilo, tedes toda a información necesaria no blog Dinamiza Normaliza, ou no menú lateral do blog da Bibliotecadocole.
Unha vez cuberto, entregao ao teu titor/a, e recibirás un agasallo.

4/5/11

Temos campións en Quintela

Os días 30 de abril e 1 de maio os remeiros de Tirán foron a Ferrol para competir no Campionato de España de bateis.

Participaron clubs procedentes de Cantabria, País Vasco, Asturias e Galicia.

O equipo infantil de Tirán quedou de primeiro e gañou a bandeira.

Entre os integrantes deste equipo estiveron os nosos compañeiros Brais González Martínez de 5º e Pablo López Romero de 6º.

PARABÉNS COMPAÑEIROS!!!

Pode que che interese

Blog Widget by LinkWithin

Para facer un comentario neste blogue

  • Pulsa co cursor enriba de "comentarios"
  • Elixe de identidade "Nombre"
  • Pon o teu nome
  • Escribe no recadro o teu comentario
  • Pulsa enriba de "Publicar comentario"
  • Sairá publicado máis tarde,cando o autoricemos
  • ¡ESPERAMOS OS VOSOS COMENTARIOS!

Pon música

As ilustración e imaxes que publicamos neste blog teñen un uso educativo. Si están suxeitas a dereitos de autor/a, facédenolo saber, para poder retiralas axiña.Grazas